Sendo a educación universitaria un dereito cidadán, é deber da Universidade de Vigo proporcionar aos estudantes na medida que lle permitan as súas vías de financiamento, os medios materiais e humanos para que poidan recibir unha formación actualizada e de calidade.
Á súa vez o estudante ten a responsabilidade de aproveitar os medios que a sociedade pon á súa disposición sendo, en definitiva, misión de todos garantir un nivel satisfactorio na cualificación académica dos titulados/as e coidar da utilización eficiente dos recursos proporcionados polo conxunto da sociedade.
Para cumprir eficazmente esa misión recoñécese a importancia de conseguir un rendemento mínimo, accesible para calquera estudante consciente dos seus deberes, sen caer no rigor de considerar que uns resultados malos nun curso académico supoñen impedimento para continuar os estudos, posibilitando ademais vías para aqueles estudantes que, por diferentes circunstancias persoais, non consigan o mínimo requirido. Considérase así mesmo a importancia de seguir os estudos de xeito ordenado e progresivo tratando de evitar un avance académico inconexo ou caótico.
Non se pode ignorar que na actividade de moitos estudantes a superación dalgunha materia supón un esforzo desproporcionado en relación a outras de similar carácter e carga lectiva, converténdose nun freo difícil de superar de cara ao seu avance académico dentro da titulación. Enténdese que un mal rendemento concreto non debe estragar o esforzo global no conxunto da titulación e que non debería ser unha causa de abandono de estudos ou de atraso excesivo na finalización destes nun tempo razoable. Por outra banda, para salvagardar os contidos formativos globais dos diferentes planos de estudos, élles exixible aos estudantes un esforzo na superación de todas as materias evitando o abandono a priori daquelas polas que teñan unha menor preferencia ou lles supoña maior dificultade.
Estas normas, baseadas na responsabilidade e flexibilidade, constitúen o medio que permite tratar en conxunto os aspectos anteriormente comentados. Para a súa aplicación é preciso que cada estudante coñeza o contido das normas de avaliación curricular e a súa situación académica, sendo misión da Universidade de Vigo facilitar os medios para ese fin.
Normativa de avaliación curricular (pdf)
Solicitude de avaliación curricular (doc) (odt) (pdf)
Formulario de informe do profesor (doc) (odt) (pdf)
+ Sobre ESEI
+ Estudios
+ Alumnos